Início

CANCELACION GRAND TRAIL COSTA DA MORTE 2020

Desde a A. D. Costa da Morte Outdoor Sports queremos, primeiramente, desexarvos que os vosos familiares e vós esteades ben de saúde.

Son tempos moi convulsos a nivel global e non podemos deixar de pensar en todos aqueles cidadáns do mundo que lamentablemente foron vencidos pola COVID-19. Desde aquí queremos facer chegar o noso fondo pesar a todos os seus familiares e amigos. Descansen en paz.

Agradecemos o traballo que están a realizar todas as persoas implicadas en coidarnos tanto na saúde como en que non nos falte de nada nas nosas casas, sen esquecernos dos corpos que velan pola nosa seguridade. A todos eles trasladámoslles o noso sincero agradecemento.

O deporte é alegría, é liberdade, é saúde, é diversión, é espazo de reunión, é sinerxia entre diferentes sectores económicos, é a oportunidade de coñecer territorios. Pero debemos ser conscientes que unha competición deportiva de trail running é un entretemento.

Esta pandemia cambiounos as nosas vidas a todos os niveis. Non nos podemos esquecer de todos aqueles que perderon o seu traballo ou aqueles empresarios que se viron obrigados a pechar as súas empresas por tempo indefinido. A todos eles enviarlles o noso apoio.

Imos camiño de comezar unha lenta volta ás nosas vidas pero todos debemos de saber que non tornaremos ás nosas vidas anteriores á COVID-19, polo menos mentres non haxa vacina.

A medida que pasan as semanas vaise vendo un pouco máis de luz, pero aínda quedan moitas incógnitas sen resposta sucinta a día de hoxe.

No aspecto social:

  • ¿Cómo serán as nosas relacións interpersoais a partir de agora?.
  • ¿Cómo serán os nosos desprazamentos entre países?.
  • ¿Cómo serán os servizos de transporte, aloxamento e hostalería no futuro?.
  • ¿Qué pasará con aqueles que perderon o seu traballo ou aqueles empresarios que tiveron que pechar as súas portas?.

No ámbito da Costa da Morte:

  • ¿Cómo interactuar coa poboación local cando unha alta porcentaxe pertence á 3ª idade, con patoloxías incompatibles coa pandemia?.
  • ¿En qué situación quedará a economía nunha comarca emigrante que vive primordialmente da pesca, o marisqueo, a gandería e que parecía retomar impulso con interesantes proxectos relacionados co turismo?.

No aspecto dos participantes:

  • ¿Cal será o estado anímico do corredor preocupado por emendar problemas derivados da pandemia?.
  • ¿Cómo afectará a falta de adestramento e preparación axeitada para participar nunha proba por etapas?.
  • ¿En qué situación económica atópanse os deportistas da nosa modalidade?.

E xa pensando na proba deportiva:

  • ¿Qué se nos esixirá a máis ás organizacións para poder organizar unha proba deportiva nunha contorna natural?.
  • ¿Qué investimentos a máis deberemos acometer en medidas de seguridade para gañar a confianza dos participantes?.
  • ¿Cómo debemos organizar o evento para realizalo coa máxima seguridade?.
  • ¿Cómo contar co apoio económico público e privado cando hai necesidades importantes noutros sectores da sociedade?.

A todas estas questións déronselle moitas voltas estas semanas. A decisión tomada, aínda que sexa complicada, xulgamos que é a máis sensata: CANCELAR A EDICIÓN 2020.

Dóenos porque fóstedes moitos os que contactástedes connosco para ver cando abríamos inscricións pero non nos podemos deixar levar polo corazón. De verdade, pedímosvos sinceras desculpas.

Isto non é un adeus, é un quilómetro vertical que se puxo no medio do noso percorrido e que unha vez alcanzada a cima permitiranos seguir cara a meta. Continuaremos traballando con ilusión e estudando novas oportunidades que a situación actual preséntenos.

Esperando poder anunciarvos canto antes as datas da edición do ano 2021 enviámosvos un afectuoso saúdo e moito ánimo para vencer os danos colaterais que a COVID-19 está a deixar nas nosas vidas.

A.D. Costa da Morte Outdoor Sports



¿Amas a natureza?.
¿Practicas o trail running?.

¿Gustaríache coñecer toda unha comarca con moita historia, paisaxes de ilusión, pobos mariñeiros, praias perdidas, cantís de vertixe, boa gastronomía e xentes amables; mentres practicas o teu deporte favorito?.

¡Inscríbete agora!


Corredores Acompañantes Voluntarios